O comité de empresa do consorcio provincial para a extinción de incendios e salvamento da provincia de Pontevedra, formado polos sindicatos CIG, UXT, CCOO e SIBGAL informou da convocatoria dunha folga indefinida a partir do día 27 de febreiro.
A decisión adoptouse o pasado venres 17 nunha asemblea xeral de traballadores, na que tamén acordaron, por unanimidade, deixar de facer gardas extraordinarias e non facer horas extras voluntarias, a partir dese mesmo día 27.
O comité de empresa lembra que hai un ano que o Tribunal Supremo unificou doutrina sobre o tipo de contrato a aplicar cando se produce a subrogación do persoal indefinido na empresa privada como persoal laboral fixo na empresa pública.
Nese momento as dúas administracións que xestionan o consorcio provincial, de Bombeiros, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, manifestáronse a favor da aplicación desa sentenza aos traballadores do consorcio e converter os contratos de persoal laboral indefinido a persoal laboral fixo, e facelo ademais de "motu propio" tomando a decisión en pleno.
O comité de empresa do consorcio denuncia que "despois dun ano aínda non se produciu este cambio, o que acabou esgotando a paciencia" deste colectivo de bombeiros.
Por iso, na última asemblea de traballadores, "despois de valorar os practicamente inexistentes avances que se esperaban nese sentido", e tendo en conta que "os bombeiros fan de cotío, un esforzo enorme por manter o servizo funcionando, cunha terrible carencia de persoal", decidiron por unanimidade, deixar de facer gardas extraordinarias, non facer horas extras voluntarias e iniciar unha folga indefinida.
"Desde o colectivo tentouse por todos os medios evitar chegar a esta situación, pero máis dun ano de dilacións e aprazamentos desembocaron nun malestar insostible para os traballadores", afirman desde o comité de empresa nun comunicado.
Ademais, acordouse en asemblea o "progresivo endurecemento das medidas para tomar polo colectivo, si esta situación non mellora pronto e avánzase no cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo".
O comité de empresa empraza ás administracións que compoñen o consorcio provincial de bombeiros de Pontevedra a unha reunión, "o máis axiña posible", para por solución a este conflito.