Os bombeiros do consorcio provincial cumpren un mes de folga

Umia
08 de setembro 2017

Cumpriuse xa un mes do comezo da folga dos bombeiros do consorcio de Pontevedra e en nada cambiou a situación coa empresa xestora do servizo público

Accidente entre coche e moto en Portonovo
Accidente entre coche e moto en Portonovo / Emerxencias Sanxenxo

Cumpriuse xa un mes do comezo da folga dos bombeiros do consorcio de Pontevedra e en nada cambiou a situación coa empresa xestora do servizo público.

Segundo denuncian desde o comité de empresa os incumprimentos no mantemento e reparacións dos vehículos "séguense obviando no seu maior parte ou ben se demoran durante meses, contrastando coa celeridade coa que a empresa radicada en Madrid ordenou sacar as pancartas de protesta dos parques de bombeiros".

Din os traballadores que "parece ser que é máis importante non danar a imaxe dunha empresa do grupo FCC que prestar un servizo de calidade aos cidadáns".

Estas mesmas fontes sinalan que a situación entre os traballadores e a empresa "lonxe de achegar posturas estase enrareciendo debido ao nulo interese por realizar algún tipo de negociación", polo que se recorreu á administración para que actúe como mediadora co fin de desencallar a situación.

Desde o comité de empresa dos bombeiros valoran que o feito de que a empresa a pesar de estar en folga "siga incumprindo os servizos mínimos" que decretou o consorcio provincial, así como o que estean a obrigar a realizar horas extras aos bombeiros é "vergoñoso", polo que instan o consorcio a tomar medidas contra a empresa xestora para que cumpra con todas as súas obrigacións, "pois a empresa está a cobrar unha contía enorme das arcas públicas".

Apuntan que agora mesmo a situación de abandono de ferramentas e vehículos do consorcio é "preocupante" e citan como exemplo que no Salnés os mergulladores seguen sen poder exercer os seus labores por non ter recoñecementos médicos actualizados e no Morrazo recentemente o vehículo de primeira intervención quedou fóra de servizo por non realizar a tempo o cambio de pastillas de freo.

"Polo menos desde o colectivo de bombeiros farase todo o posible pola nosa banda para que este servizo sexa mantido en condicións e non cesaremos no noso labor de denunciar e publicar todas as situacións que lamentablemente se dan no día a día e que os cidadáns descoñecen", conclúen.