Os bombeiros do consorcio manifestaranse "contra os incumprimentos de Matinsa"

Bueu
23 de decembro 2017

Despois de meses de mobilizacións o comité de empresa considera que deben dar "un paso máis" polo que convocan unha manifestación en contra da xestión de Matinsa e "a favor dunha desprivatización do servizo"

Bombeiros do Consorcio provincial no Xulgado
Bombeiros do Consorcio provincial no Xulgado / Comité de empresa dos Bombeiros

Tras 4 anos de xestión da empresa Matinsa, os bombeiros consideran que o Consorcio Provincial, formado por Xunta e Deputación, "non pode tolerar máis tempo os gravísimos incumprimentos nos que ao noso parecer incorre Matinsa dende hai longo tempo".

Nun comunicado sinalan que estes incumprimentos "nos impiden en moitos casos aos bombeiros desempeñar o noso labor, ou polo menos dificúltana en extremo".

Nomeadamente relatan que hai vehículos que están longos períodos avariados, materiais que non se repoñen, non se fan mantementos adecuados, non se cubren as baixas do persoal e as dotacións están case sempre ao mínimo, entre outras eivas, "con evidente afectación á calidade do servizo aos cidadáns".

Os bombeiros fixeron todo tipo de denuncias públicas sobre esta situación, acudiron á Inspección de Traballo que lles deu a razón e denunciaron incumprimentos da Lei de Prevención de Riscos.

Despois de meses de mobilizacións o comité de empresa considera que deben dar "un paso máis" polo que convocan unha manifestación en contra da xestión de Matinsa e "a favor dunha desprivatización do servizo" para "avanzar cara a un modelo baseado unicamente no beneficio dos cidadáns e na estabilidade económica das administracións, e non no beneficio empresarial".

A manifestación terá lugar o próximo venres 29 de decembro.