Os cadetes do Cisne súmanse a Vaipolorío para combater á 'herba da Pampa'

Pontevedra
21 de setembro 2020

Unha decena de xogadores de 14 e 15 anos do club pontevedrés participaron este domingo na xornada de control e erradicación desta especie invasora nas marxes do río Gafos

Xogadores do equipo cadete do Cisne participan con Vaipolorío nunha xornada de control da Herba da Pampa
Xogadores do equipo cadete do Cisne participan con Vaipolorío nunha xornada de control da Herba da Pampa / Club Cisne Balonmano

A falta de adestramentos nas categorías de base, desde a canteira do Cisne centraron os seus esforzos noutra tarefa, combater aos 'plumachos' ou 'Herba da Pampa' nas marxes do río Gafos.

Unha decena de xogadores do equipo cadete do club pontevedrés participaron este domingo nunha nova xornada organizada por Vaipolorío para controlar a expansión desta especie invasora.

Os voluntarios traballaron na eliminación destes plumachos coa intención de impedir a súa propagación, arrincando exemplares novos e impedindo aos de maio tamaño que expandan as súas sementes.

A Herba da Pampa é unha gramínea invasora incluída na Listaxe e Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, tras ser introducida en España hai décadas como planta decorativa.

A xornada organizada polo colectivo ecoloxista centrouse nesta ocasión na zona alta do Gafos, en Tomeza.