Os casos activos de Covid-19 baixan a 7 na área sanitaria

Pontevedra
17 de xuño 2020

O balance de afectados por coronavirus ofrecido este mércores 17 de xuño recolle un alta epidemiolóxica máis con respecto ao día anterior, sen que se produciron novos contaxios en Pontevedra e O Salnés

Hospital do Salnés Diego Torrado

Despois de 5 xornadas sen cambios, o balance de afectados de Covid-19 na área sanitaria ofrece este mércores unha lixeira redución ata os 7 casos activos, un menos que o martes.

Así se recolle nos datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, debido a que se rexistrou un alta epidemiolóxica sen contabilizar contaxios, no sétimo día consecutivo sen que se reporten novos test positivos.

Ningún paciente con positivo activo permanece ingresado nos centros hospitalarios da comarca, polo que todos eles evolucionan nos seus respectivos domicilios.

Desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria 892 persoas afectadas de Covid-19, e producíronse 16 falecementos asociados co virus.

Pola súa banda a nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 341, polos 349 do martes. Deles 109 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 25 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 30 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 334 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na comunidade hai un total de 10.503 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 161.195 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 0,02% do total das persoas residentes. En toda Galicia hai 5 usuarios e 4 profesionais de centros residenciais contaxiados e rexistráronse 132 falecementos en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.