Os casos activos por covid-19 volven a repuntar nos municipios máis afectados

Pontevedra
17 de novembro 2020

Os municipios con maior incidencia da covid-19, os que teñen activo o nivel de alerta 3 (vermello), volveron a experimentar un certo repunte nos contaxios. Así o acreditan os datos do Servizo Galego de Saúde para Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilagarcía e Cambados

Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 17 de novembro
Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 17 de novembro / Servizo Galego de Saúde

Os municipios con maior incidencia da covid-19, os que teñen activo o nivel de alerta 3 (vermello), volveron a experimentar un certo repunte nos contaxios. Así o acreditan os datos do Servizo Galego de Saúde para Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilagarcía e Cambados.

Pontevedra ten 354 casos activos, catro máis que onte. Ademais, o goberno municipal indica que 1.314 persoas están en seguimento por ser contactos estreitos dos infectados.

Os pacientes con covid-19 en Marín, pola súa banda, tamén soben aínda que máis timidamente. Hai 97 casos, un máis que este luns. A eles súmanse os 243 contactos en seguimento. Con respecto a Poio, hai 69 contaxiados (tres máis) e outras 206 persoas en corentena.

Sanxenxo aumenta nun os seus casos activos por coronavirus e alcanza os 77. En Cambados hai tres contaxiados máis, ata un total de 70, e Vilagarcía alcanza as 73 persoas con covid-19, cinco máis que onte.

Outros tres municipios, O Grove, Ribadumia e Meis, están no nivel de alerta 2 (laranxa), ao que se incorpora Vilanova de Arousa, a pesar de reducir nun, ata os 25, os casos activos

A Lama, mentres tanto, sobe ao nivel de alerta 1 (amarelo), no que se atopan este martes Cuntis, Meaño, Bueu, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior (39 casos activos, os mesmos que onte).

O nivel de alerta 0 (verde) está activo nos sete municipios restantes da área sanitaria, A Illa de Arousa, Vilaboa, Ponte Caldelas (20 casos activos e 55 persoas en seguimento), Barro, Portas, Campo Lameiro e Moraña. En todos eles detectáronse menos de sete  contagios na última semana.