O comité clínico celebrado na tarde deste martes coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, acordou que o municipio de Sanxenxo pase a estar pechado e forme un ámbito territorial co Grove.
O pasado venres xa se sinalara que Sanxenxo se atopaba en "observación especial" polo alto incremento de casos de covid-19 durante as últimas semanas.
O municipio turístico chegou xa aos 77 casos activos e, por este motivo, decidiuse aplicar novas restricións co peche perimetral e da hostalería, ademais da limitación de reunións exclusivamente entre persoas que convivan.
A medida adóptase para frear o repunte de casos e tentar recuperar a estabilidade dentro da alerta sanitaria. María Deza, primeira tenente de alcalde do Concello de Sanxenxo, manifestaba tras coñecer a noticia que desde o Concello vai ofrecerse toda a colaboración para que se cumpran as medidas impostas e tentar saír da situación canto antes.
As novas restricións sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia deste mércores 18 e entrarán en vigor o xoves 19.
O Concello reforzará a través de axentes da Policía Local os controis e a vixilancia nos accesos ao municipio. As persoas que precisen trasladarse a outras zonas fóra do peche perimetral que forman Sanxenxo e O Grove deberán xustificalo debidamente para evitar sancións.
Desde o Concello de Sanxenxo lembran que desde que o municipio entrou en alerta vermella hai dúas semanas suspendéronse todas as actividades socioculturais e pecharon parques infantís, pistas deportivas e espazos como o skatepark de Portonovo.