Os centros de saúde de Bueu, Marín, Poio e Vilaboa terán atención farmacéutica presencial

Vilaboa
01 de xuño 2022

O Sergas duplica o persoal Farmacéutico de Primaria ata 12 profesionais. Os novos profesionais incrementarán os días de actividade de Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Baltar e reforzarán a súa presenza en horario de tarde nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina en Pontevedra e no centro de saúde de Vilagarcía

Recepción dos novos efectivos de Farmacia de Atención Primaria no Hospital Provincial Sergas

Seis novos farmacéuticos incorpóranse desde este mércores 1 de xuño ao servizo de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, duplicando o persoal Farmacéutico de Primaria actual ata un total de 12 profesionais.

Estes seis novos profesionais van prestar a súa atención presencialmente nos servizos de Atención Primaria de Bueu, Marín, Poio e Vilaboa, así como incrementar os días de actividade nos Servizos de Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Baltar.

Tamén reforzarán a súa presenza en horario de tarde nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina en Pontevedra, así coma no centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

A incorporación destes novos profesionais vai permitir desenvolver na súa totalidade a carteira de servizos desta categoría. Con esta medida, o Servizo Galego de Saúde mantén o obxectivo de ofrecer unha atención farmacéutica de maior calidade e equidade, potenciando a capacidade desta categoría profesional. 

A figura profesional do Farmacéutico de Atención Primaria xorde no Sistema Nacional de Saúde nos anos 80 e a súa actividade principal céntrase en mellorar a seguridade, efectividade e eficiencia do uso do medicamento, tanto a nivel individual como poboacional, colaborando co equipo asistencial no que está integrado na optimización do tratamento farmacolóxico do paciente.  

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora