Os cidadáns poden participar no deseño do proxecto do Hospital de Montecelo

Pontevedra
14 de marzo 2017

Os pacientes e usuarios atoparán unha enquisa nos puntos de información designados nos hospitais Montecelo e Provincial, ademais de no centro de especialidades de Mollabao. Os cidadáns tamén poderán realizar as súas achegas a través dunha páxina web

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo en termos de necesidade de espazos dentro do hospital, o seu confort ou a humanización dos mesmos, entre outros.

Esta é a primeira vez que o Sergas potencia a participación cidadá para o desenvolvemento dun plan funcional destas características co obxectivo de que tanto os pacientes como os usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dean a coñecer as súas impresións mediante a súa achega voluntaria.

Os interesados poderán atopar a enquisa nos puntos de información designados nos hospitais Montecelo e Provincial, ademais de no centro de especialidades de Mollabao.

A partir do mércores 15 de marzo, pacientes e usuarios terán acceso a ditas enquisas que, unha vez cubertas, deberán ser depositadas nas urnas habilitadas nos mesmos puntos de información nas que serán recollidas. A data límite para realizar a entrega será o 17 de abril.

Os cidadáns tamén son quen de realizar as súas achegas a través da páxina web www.granmontecelo.com, na que teñen a opción de cubrir de maneira virtual e con maior celeridade a mesma enquisa dispoñible en papel nos centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en