O proxecto para o Gran Montecelo de Pontevedra chegou este mércores ao Parlamento de Galicia. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, facilitou detalles da fase de deseño e insistiu en que está pensado como un "proxecto colectivo" e para elaboralo recolléronse 2.379 enquisas con suxestións e achegas da poboación e participaron máis de 300 profesionais en nove grupos de traballo.
Segundo indicou o conselleiro no Parlamento, contaron coa colaboración de todos os axentes implicados, cidadáns, pacientes e institucións e os 4.000 profesionais da área sanitaria de Pontevedra tiveron dispoñibles unha plataforma web e unha liña de correo electrónico para aportar as súas ideas.
Máis de 300 profesionais traballaron en nove grupos organizados por temas: urxencias-críticos, quirófanos, hospitalización médico-cirúrxica, hospitalización materno-infantil, atención ambulatoria, servizos centrais clínicos, servizos non clínicos, loxística e apoios e dirección-xestión. En total, houbo 95 reunións presenciais con estes grupos e subgrupos de traballo.
Ademais, sinalou que durante máis dun mes os cidadáns tiveron á súa disposición enquisas en papel nos hospitais Montecelo e Provincial e no centro de especialidades de Mollabao; e a posibilidade de realizar as súas achegas a través dunha páxina web.
Segundo explicou o conselleiro, o nivel de compromiso quedou reflectido nos 14 participantes que incorporaron o seu correo electrónico nas enquisas para poder facer un seguimento dos resultados finais.
Actualmente o proxecto está nun período de análise no que se valorarán polo miúdo as achegas e suxestións que foron recibidas de cara á construción do Gran Montecelo e poderá presentarse á cidadanía en 3 ou 4 semanas.