A reordenación da Avenida da Coruña, que permitirá que os coches circulen desde a Ponte do Burgo ata o estadio de Pasarón, estará completada a próxima semana.
Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que visitou este venres as obras acompañado do concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, dos técnicos municipais e responsables da empresa que acomete os traballos, EC Casas.
Fernández Lores destacou que O Burgo é un barrio "que medra moito" e que ten "moito futuro". Entende que é unha zona de crecemento da cidade "na que fai falta facer investimentos" para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
A actuación na Avenida da Coruña consistiu en reordenar o espazo de servizos colocándoos á man dereita, no novo sentido de circulación, xa que é preciso para que poidan acceder os camións do lixo que fan a carga na man dereita.
Os traballos rematarán co axuste dalgunha das direccións das rúas do cruzamento con Pasarón por recomendación da Policía Local.
Esta obra foi licitada por case 192.000 euros e, segundo o alcalde, é o primeiro paso dunha actuación "máis ambiciosa" encamiñada a estender o modelo de cidade a todo o barrio e que continuará coa reforma integral da Rúa da Santiña, que terá plataforma única.
Estes cambios teñen por obxecto eliminar o tráfico innecesario, nomeadamente o de paso e o de axitación, e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizar a mobilidade peonil en toda a área.