Os coles de Marín prepáranse para vivir un Samaín terrorífico

Marín
27 de outubro 2021

Os centros educativos de Marín están envorcados coa celebración da festa do Samaín, decorando as súas instalacións e tratando de deseñar actividades educativas que non só impliquen ao alumnado, senón tamén ás familias

Decoración de Samaín
Decoración de Samaín /

Os centros educativos de Marín están envorcados coa celebración da festa do Samaín, decorando as súas instalacións e tratando de deseñar actividades educativas que non só impliquen ao alumnado, senón tamén ás familias.

Estes días destacan as espectaculares decoracións que levaron a cabo, tanto no exterior como no interior dos centros, que permiten que os máis cativos se introduzan de cheo no ambiente do Samaín.

E non poden faltar os concursos de decoración de cabazas. Tamén en moitos casos aproveitarase a ocasión para facer talleres de comida con alimentos típicos desta época ou magostos.

Haberá tamén disfraces para que alumnado, familias e profesorado metan medo, con especial fincapé na narración de contos, elaborados en moitos casos polos nenos, e na transmisión oral de lendas e narracións curtas.

Desde o Concello, queren poñer en valor todo o traballo que os centros están a facer e agradecer tamén a colaboración das Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPAS).

No que respecta ao Concello, acordouse coa Fundación Xoán XXIII  e coa Comparsa Os da  Caña que se decorarán distintos puntos da vila, como a casa principal de Briz ou o Palco da Alameda.

Ademais, o Concello anima á veciñanza a que se faga fotografías nestes decorados e que suban as súas imaxes ás redes,  etiquetando ao perfil do @concellodemarin e utilizando a etiqueta #SamainMarin.