Os colexios Cabanas e Marcos da Portela reciben a visita de 'O teu cole na historia'

Pontevedra
30 de marzo 2022

O equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio) e o músico Antón Ke achegáronse na mañá deste mércores ata o CEP Marcos da Portela, en Monteporreiro, e na xornada anterior fixeron parada no CEIP Cabanas de Salcedo

Taller 'O teu cole na historia' no CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro) Concello de Pontevedra

O proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna', impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros, continúa a desenvolver os talleres divulgativos.

O equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio) e o músico Antón Ke achegáronse na mañá deste mércores ata o CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro) para compartir relatos orais e música con 37 escolares de 2º de Primaria e 35 de 1º de Primaria. A xornada anterior, fixeron parada no CEIP Cabanas (Salcedo) para desenvolver unha sesión con 35 nenos e nenas de 2º de Primaria, 32 de 1º de Primaria e 25 de Infantil.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explicaba os diferentes motivos que se pintaron nos grandes murais instalados nestes colexios e sobre os que xiran as sesións didácticas.

MURAL NO CEP CABANAS

"As figuras centrais da intervención artística efectuada nos accesos ao CEIP Cabanas son a mestra e pedagoga Ernestina Otero e o enxeñeiro agrónomo, xenetista e veterinario Cruz Gallástegui", indicaba o concelleiro de Educación.

A parte superior do mural amosa unha vasta viaxe no tempo, ao representar a parte máis antiga da historia do colexio, coas cabanas prehistóricas, os petróglifos de Mato das Cruces, o Castro das Moas e os Muíños do Batán.

Na parte inferior ten lugar a historia máis recente da súa contorna, vencellada á Misión Biolóxica, que desde 1928 ten as súas instalacións no Pazo de Gandarón, en Salcedo.

Á esquerda do mural, Ernestina Otero leva de excursión ao seu alumnado, e á dereita, Cruz Gallástegui amósalles como se realiza a polinización do millo.

MURAL NO CEP MARCOS DA PORTELA    

No caso do mural do CEP Marcos da Portela, o poeta do século XVIII natural de Monte Porreiro que lle dá nome ao centro educativo e que Sarmiento cita nas súas coplas é un dos principais protagonistas.

"Ademais da personaxe inmortalizada por Valentín Lamas Carvajal na primeira publicación en galego, bautizada co nome de O Tío Marcos d’a Portela, nesta intervención artística tamén aparece (na súa parte baixa) o propio Pai Sarmiento, escribindo sobre o poeta ao abeiro do Carballo de Santa Margarita, patrimonio natural da nosa cidade, e en presenza dunha vacaloura", sinala Tino Fernández.

Da outra beira, dende o Mirador de Monte Porreiro, divísase o tramo final do río Lérez e abaixo, á esquerda, aparece representada Josefa Iglesias Vilarelle, mestra de Mourente, autora do Método de Lectura en Galego, o primeiro do seu xénero, que foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932.