As comunidades de montes de Quireza, Pedre, Chamadoira, Corredoira, San Bernabé, a Asociación de Veciños de Cuíñas, o BNG, o Partido Popular e o PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade acordaron de forma unánime transformar a manifestación convocada para o domingo 22 de maio ás 12 horas do mediodía diante do consistorio de Cerdedo nunha convocatoria unitaria contra os parques eólicos de Campo das Rosas e Porto Vidros.
Esta decisión tomouse no transcurso dunha xuntanza celebrada a pasada noite co fin de manter a unidade de acción que veu caracterizando as protestas contra os eólicos que pretenden instalarse no concello de Cerdedo-Cotobade e que motivou que todas aquelas persoas e colectivos se manifestaran ata o de agora cun obxectivo común na defensa dos intereses dos veciños e veciñas e dos lugares fronte aos macroproxectos enerxéticos.
A intención dos representantes veciñais e dos grupos políticos con representación na corporación municipal de Cerdedo-Cotobade é que o Concello siga o mandato recibido pola veciñanza nas distintas asembleas realizadas ao longo do presente conflicto.
Así, acordouse manter por enriba de todo a unidade de acción e apoio ao movemento veciñal de oposición aos macroparques eólicos que se pretenden instalar no municipio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.