Os concellos pontevedreses recibirán 54.000 máscaras máis a partir do luns

Pontevedra
27 de decembro 2020

A Deputación enviou unha nova carta aos alcaldes da provincia para informarlles da chegada deste novo envío destacando que o material está destinado aos colectivos máis vulnerables, xunto a operarios de limpeza e residuos sólidos, traballadores sociais e policías locais

Máscaras que repartirá a Deputación na provincia
Máscaras que repartirá a Deputación na provincia / Deputación de Pontevedra

Os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán desde este luns un total de 54.000 novas máscaras cirúrxicas, nun operativo coordinado pola Deputación de Pontevedra no marco do acordo de colaboración institucional coa Subdelegación do Goberno e a FEMP.

As máscaras repártense con criterios obxectivos en función da poboación, como se vén facendo dende o comezo da pandemia.

Con esta son xa catro as reparticións de máscaras efectuadas pola Deputación, totalizando un total de 266.500 unidades. En concreto, a institución provincial achegou unha primeira remesa de  57.000 máscaras en maio, unha segunda de 97.500 en setembro e unha terceira de 58.000 en novembro grazas a este plan de cooperación institucional.

A Deputación enviou unha nova carta aos alcaldes da provincia para informarlles da chegada deste novo envío destacando que o material está destinado aos colectivos máis vulnerables, xunto a operarios de limpeza e residuos sólidos, traballadores sociais e policías locais.

Ademais explica os criterios de reparto, que consisten en asignar 500 unidades aos concellos de menos de 3.000 habitantes, 800 aos que teñen ata 5.000 habitantes, 1.100 aos que contan con ata 10.000 habitantes, 1.550 aos de menos de 15.000 habitantes e, finalmente, 1.650 unidades aos concellos de ata 20.000 habitantes.

As caixas, co material correspondente a cada concello, xa están preparadas e listas para o transporte que se fará, directamente, ata as casas do concello ou lugares que indique a persoa responsable de recibilas.