Comprometéronse coa Dirección Xeral de Tráfico a intensificar os controis e vaia se o fixeron, a Policía Local de Pontevedra quintuplicou o pasado ano os tests de estupefacientes a condutores. De 88 pasou a 430 controis nun só ano. Loxicamente tamén aumentaron o número de positivos, catro de cada dez probas de drogas sono.
Os homes entre 25 e 34 anos son os condutores máis habituais á hora de dar positivo por drogas.
Igualmente, en canto ás alcoholemias, os axentes municipais levaron a cabo 13.026 controis nos dispositivos estáticos e só 121 condutores excedían os límites, o que supón un 0,93% do total. Deles, 99 limitáronse a unha denuncia administrativa, pero outros 22 foron derivados aos xulgados por elevados índices de alcol.
A avenida de Buenos Aires e o paseo de Colón son as dúas rúas con máis actuacións nos controis estáticos.
Ademais, realizáronse uns 200 controis dinámicos, con 102 denuncias administrativas e 76 ao xulgado.