A cabina telefónica situada no tramo inicial da rúa Benito Corbal, xusto no entroncamento coa praza de Ourense, sufriu durante a pasada fin de semana danos presuntamente por mor dun acto vandálico. As desfeitas, de gran gravidade en tanto que afectan a unha peza de mobiliario público, supuxeron, ademais, reabrir un debate que xorde en Pontevedra periodicamente: a necesidade de actuar ante a súa falta de uso e estado de abandono.
Os danos no citado teléfono público, situado na contorna das escaleiras de acceso á igrexa de San Francisco, rexistráronse nalgún momento da fin de semana, presuntamente o sábado. Aínda que a Policía aínda non puido establecelo, persoas da contorna consultadas por PontevedraViva indicaron que na noite do sábado xa estaba esnaquizada.
En concreto, o vándalo ou vándalos arrincaron unha parte da cabina, que quedou tirada no chan. Esta grave agresión vén empeorar aínda máis a situación xa de seu mala, pois o elemento leva anos cun estado de abandono e apenas usado. Agora tan só un dos teléfonos instalados está utilizable.
Por mor dos danos nesta cabina en concreto, desde o Centro Comercial Ubano (CCU) Zona Monumental lembraron que nos últimos anos xa solicitaron en múltiples ocasións a retirada de todas as cabinas do centro histórico, que hai anos que non teñen uso, supoñen un obstáculo para a mobilidade peonil e dan mala imaxe.
"Hai que estar cos tempos", destaca o presidente da asociación de comerciantes do centro histórico, Miguel Lago, que destaca que coa proliferación dos móbiles estes elementos apenas teñen uso e, ademais, aproveita para avivar unha petición que xa leva feito en múltiples ocasións nos últimos anos: a instalación de cámaras de vixilancia no casco histórico.
Respecto disto, indica que esas cámaras son pezas importantes para vixiar o mobiliario público, protexelo de actos vandálicos e, en caso de que se produzan, axudar a localizar os seus autores. De existir esas cámaras sería máis doado investigar actos vandálicos como os danos na estatua do papagaio Ravachol rexistrados a pasada fin de semana sen necesidade de ter que solicitar as gravacións dos servizos de seguridade dun banco, como é o caso. "Teríamos imaxes propias e non habería que pedilas prestadas", sostén.
Ademais do estado de abandono da situada a rúa Benito Corbal destaca a imaxe que presenta a cabina da praza de Curros Enríquez, cun dos dous lados -en cada un hai instalado un teléfono- totalmente roto desde hai tempo.
A nivel xeral, os teléfonos públicos teñen os días contados por mor de que deixaron de estar considerados como servizo universal de telecomunicacións que ofrece o Estado. A última prórroga por este servizo concedida a Telefónica caduca o 31 de decembro deste 2018.
En toda España hai, segundo as estatísticas máis recentes da empresa Telefónica, máis de 16.000 teléfonos públicos instalados e a maioría teñen unha media dunha chamada ao día. De feito, segundo o Eurobarómetro de 2014, o 88% dos españois nunca usou unha cabina.