Buscar novas oportunidades para Sanxenxo con tres eixos fundamentais: paisaxe, gastronomía e patrimonio. Esa é a folla de ruta coa que Telmo Martín buscará a reelección como alcalde nas municipais de maio e que debullou este martes nun almorzo con empresarios.
Neste encontro, que se celebrou no Hotel Carlos I de Silgar, avanzou os doce proxectos "estratéxicos" cos que quere levar a Sanxenxo "a onde queremos estar" en 2027, logrando "máis calidade de vida" para os seus habitantes e unha maior actividade económica.
A iso, o candidato do PP sumou as tres liñas que marcaron a súa xestión e que pretende manter, segundo destacou, baixar impostos, mellorar os servizos municipais e completar as infraestruturas pendentes en todo o municipio.
Sanxenxo, subliñou Martín na súa intervención, "pode sacar un maior rendemento" á contorna natural no que se asenta e poñer en valor un patrimonio "ao que non lle prestamos a suficiente atención nos últimos anos e que pode dar moito de si".
Entre os proxectos que debullou o actual alcalde están o futuro centro gastronómico do Pazo de Quintáns, que espera que estea terminado no verán de 2024; ou a escola de turismo e hostalería que albergará o antigo colexio de Vilalonga.
A iso sumou o novo mercado "que terá moito máis que venda de alimentos" e que se licitará a próxima semana por 2,5 millóns, a reordenación e humanización dos portos de Sanxenxo e Portonovo ou as melloras nos sistemas de abastecemento ou saneamento.
Recuperar a senda litoral da ría de Arousa, a musealización do xacemento da Lanzada, a reforma da Avenida Vilar (Vilalonga), o novo centro de interpretación da Telleira, a mellora de estradas provinciais ou a reforma integral do colexio da Florida son outras das súas promesas.
Neste almorzo con empresarios, Telmo Martín estivo arroupado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que destacou que o candidato do PP é unha persoa "de fiar" e un político "innovador e activo" que demostrou que "consegue sempre ou que se propón facer".
"Temos que arroupalo e na medida do que dependa de nós tentaremos seguir botando unha man", sostivo Rueda, que puxo en valor os 50 millóns de euros investidos desde a Xunta neste municipio en diferentes actuacións impulsadas nos últimos anos.
Isto é debido, segundo o presidente galego, a que Martín "a cabeza non lle para" e a que "non se arruga ante as dificultades". Defendeu que Sanxenxo "debe seguir así" porque o municipio "creceu moitísimo", logrando ter vida todo o ano, "e aínda ten moito percorrido".