Os donos de 21 vivendas do casco histórico e de Estribela piden rehabilitalas con cargo ao ARI

Pontevedra
23 de xaneiro 2016

Os técnicos deberán agora estudar agora cada proxecto e ver se cumpre as condicións para optar a unha axuda, pero, a priori, estímase que o custe no centro histórico será de 200.000 euros e en Estribela de 18.000 euros. Tras estudalos,  convocarán a comisión de valoración e os aprobados pasarán á Xunta de Goberno local, para ser remitidos á Xunta de Galicia para a súa cualificación

Edificios en ruinas no centro histórico
Edificios en ruinas no centro histórico / Cristina Saiz

Un total de 21 donos de vivendas no casco histórico de Pontevedra e no barrio de Estribela solicitaron no Concello axudas para rehabilitalas no marco dos dous ARI (Área de Rehabilitación Integral) que están en marcha na actualidade nestes dous puntos do término municipal

O Concello pechou o pasado día 20 o prazo para a presentación de solicitudes para as axudas á rehabilitación de vivendas e edificios e, segundo os datos dados a coñecer este sábado, 16 das solicitudes presentadas correspóndense con vivendas do centro histórico e 5 de Estribela, na parroquia de Lourizán.

Os técnicos deberán agora estudar agora cada proxecto e ver se cumpre as condicións para optar a unha axuda, pero, a priori, estímase que o custe no centro histórico será de 200.000 euros e en Estribela de 18.000 euros. Tras estudalos, convocarán a comisión de valoración e os aprobados pasarán á Xunta de Goberno local, para ser remitidos á Xunta de Galicia para a súa cualificación.

A Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello estima que a finais do mes de febreiro poderase abrir unha nova convocatoria de axudas para ambos os dous ARIs.