Os emigrantes retornados a Cuntis recibirán asesoramento fiscal, laboral e burocrático

Umia
28 de abril 2022

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo unha xuntanza de traballo coa asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia, coa que o Concello firmará un convenio de colaboración que facilitará aos retornados cuntienses recibir o asesoramento que necesitan en cuestións fiscais e laborais, así como noutras materias que faciliten a súa integración na súa terra natal

Manuel Campos coa Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia Concello de Cuntiis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo unha xuntanza de traballo coa xunta directiva da asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia, presidida por Celso Domínguez, con quen o Concello firmará un convenio de colaboración que facilitará aos retornados cuntienses recibir o asesoramento que necesitan en cuestións fiscais e laborais, así como noutras materias que faciliten a súa integración na súa terra natal.

Este colectivo mantivera xa varias xuntanzas de traballo co Concello para establecer liñas de colaboración que favorezan os intereses dos retornados, que quedaron interrompidas por mor da pandemia. Unha vez recuperada a normalidade o Concello de Cuntis está disposto a prestarlle á asociación a colaboración que precise.

A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia é un colectivo sen ánimo de lucro fundada no ano 2013 co fin de defender e axudar aos emigrantes retornados, prestando asesoramento a aqueles que planifican o seu regreso e tamén aos que xa están aquí.

Entre os servizos que prestan, e sobre os que queren informar á poboación de Cuntis, está a información sobre os dereitos adquiridos durante o período migratorio; información e axuda na xestión e tramitación de pensión de invalidez, xubilación, viudedade, orfandade, discapacidade, así como de outras ás que poidan ter dereito; explicación e apoio nos trámites coa Seguridade Social e servizo xurídico especializado a través dun gabinete colaborador.