Os equipos de valoración da discapacidade concéntranse ante o Parlamento de Galicia

Pontevedra
10 de xullo 2019

Este colectivo concentrábase este xoves en Santiago co apoio de parlamentarios dos grupos da oposicion (PSOE, En Marea, Grupo Mixto e BNG). Entre outras demandas, reclaman novos equipos de valoración para ofrecer un mellor servizo aos usuarios

Representantes dos equipos de valoración de discapacidade con parlamentarios en Santiago
Representantes dos equipos de valoración de discapacidade con parlamentarios en Santiago / CIG

Representantes dos equipos de valoración e orientación da consellería de Política Social concentrábanse este xoves #ante o Parlamento de Galicia. Estes equipos son os encargados de facilitar a axuda necesaria ás persoas con discapacidade para que poidan mellorar a súa calidade de vida.

En Pontevedra, este colectivo concéntrase todas as semanas ante a antiga sede de Sanidade, situada na avenida de Vigo. Este xoves, en Santiago, contaron co apoio de parlamentarios dos grupos da oposición: PSOE, En Marea, Grupo Mixto e BNG. 

Piden que se remate coa contratación temporal, a creación de novos equipos e que a consellería evite citar a pacientes o día da xunta de valoración. Reclaman tamén o acceso ao sistema informático (IANUS) para o persoal de psicoloxía, que se respecten os tempos horarios nas valoracións e que se presente unha solicitude máis clara e adaptada ás necesidades dos usuarios.

Solicitan, ademais, a creación con carácter permanente de novos equipos de valoración naquelas localidades en que a carga de traballo provoca a superación dos prazos legalmente establecidos, así como a dotación de máis persoal de corpos xerais. 

Este venres, ás 12.00 horas, o persoal volverá concentrarse na avenida de Vigo para incidir na necesidade de que se estableza unha contratación de profesionais de forma continuada e non temporal.