Denuncian a "desesperante espera" das persoas con discapacidade para ter unha valoración axeitada

Pontevedra
03 de maio 2022

Unha ringleira de persoas denuncia fronte as instalacións do EVO de Pontevedra os retrasos que existen para a valoración da discapacidade

Protesta de COGAMI fronte á sede da Consellería de Sanidade en Pontevedra
Protesta de COGAMI fronte á sede da Consellería de Sanidade en Pontevedra / COGAMI

Baixo o lema #EsperaYDesespera, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) denunciou este martes fronte á sede da Consellería de Sanidade en Pontevedra, onde se atopan os Equipos de Valoración e Observación da Discapacidade (EVO), a "desesperante espera que milleiros de persoas levan vivindo dende hai anos por unha valoración a tempo e unha baremación actualizada".

Mediante a formación dunha ringleira que saía da porta principal do edificio situado na avenida de Vigo, Cogami quixo simbolizar e denunciar "as intolerables esperas que deben asumir as persoas con discapacidade para poder acceder aos seus dereitos, causados aos retrasos existentes, tanto na valoración do grao de discapacidade como na implantación do novo baremo da discapacidade".

Este acto, organizado co motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, desenvolveuse simultaneamente en 18 localidades de toda España e no caso de Pontevedra contou coa participación de representantes das entidades Federación Provincial de COGAMI Pontevedra, AMIZADE, AGL, Alcer Pontevedra, ASEARPO e profesionais e persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Monte Porreiro, xunto a persoas que permanecen á espera da súa valoración ou de que se renove o baremo actual, exixiron o fin desta situación.

Durante as intervencións, denunciouse que non recibir unha valoración ou unha revisión do grao de discapacidade a tempo, prexudica ás persoas con discapacidade no emprego, a educación, a accesibilidade, a saúde e tamén impide acceder a prestacións que compensan a desigualdade de oportunidades.

Na mesma cidade, pódese atopar un tempo de espera medio de 11 meses e persoas que tardan ata 36 meses en conseguir ter a mesma valoración.

Nos casos máis graves detectados, hai persoas que faleceron antes de ter a resolución, tendo que estar todo o tempo de espera sen recibir apoios no momento no que os precisaban. "É importante concretar e apurar estes trámites para saber se as persoas con discapacidade van ter acceso ou non a certas medidas de apoio", sinalan. A todo isto, súmase o novo baremo da discapacidade, cunha espera que ascende a máis de 20 anos. 

Por todo isto reivindicaron que é "urxente" poñer en marcha o novo baremos do grao de discapacidade, o cal foi consensuado por organizacións, o Goberno e as Comunidades Autónomas.

Engaden que "este novo baremo non é o ideal porque non aporta certezas sobre o seu despregamento e non indica que elementos vai incorporar fronte aos grandes retrasos na valoración e revisión do grao de discapacidade e fronte á infradotación de recursos nos servizos, que dificulta e condiciona a implantación". Aínda así, coinciden en que "é necesario que se poña en marcha porque incorpora melloras para o recoñecemento vinculadas á discapacidade orgánica, como a fatiga e a dor, enfermidades reumatolóxicas ou enfermidades que cursan con brote".