Pepa Pardo demandará un plan de axudas para mellorar accesos a persoas con mobilidade reducida

Pontevedra
20 de maio 2022

A proposta, que irá a pleno, céntrase en mellorar a accesibilidade de edificios residenciais e de vivendas onde vivan persoas con discapacidade sensorial auditiva e/ou visual e persoas con mobilidade reducida. Oito colectivos, segundo explican desde o Partido Popular, apoian esta iniciativa: Once, Amizade, Aspace Galicia, Assem, Afapo, Axp, Juan XXIII e Xoga

Silvia Junco e Pepa Pardo, do Partido Popular de Pontevedra
Silvia Junco e Pepa Pardo, do Partido Popular de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

No próximo pleno debaterase unha moción que presentará a concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo. Nela propón crear un plan de axudas que melloren a accesibilidade de edificios residenciais e de vivendas onde residan persoas con mobilidade reducida ou que presenten discapacidade sensorial auditiva e/ou visual.

Despois de manter un encontro con colectivos sociais do municipio, a proposta, segundo o PP, conta co apoio de Once, Amizade, Aspace Galicia, Assem, Afapo, Axp, Juan XXIII e Xoga.

A iniciativa popular distribúese en dúas liñas de axuda. Por unha banda, un plan para adaptar estas vivendas de persoas con capacidades diferentes e, doutra banda, un plan que mellore a accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais.

Pepa Pardo asegura que o motivo é "mellorar a calidade de vida dos afectados, así como a súa autonomía funcional e, en definitiva, lograr uns edificios e vivendas accesibles". Dentro dos exemplos que recolle expón a adaptación do ancho das portas; cambio de pavimentos por outros con elementos sensoriais ou antiescorregadizos; adaptación da altura de interruptores, enchufes ou porteiros automáticos; adaptación de cuartos de baño, cociñas e calquera acción que contribúa a mellorar a accesibilidade.

A concelleira, na segunda liña de axudas, pretende que se apoie a instalación de ascensores ou a súa adaptación, ademais do establecemento de plataformas e ramplas nos edificios.

Na mesma liña, a concelleira Silvia Junco, do PP, solicitará no Pleno a creación dun Consello Sectorial de Accesibilidade, con intervención de cada unha das asociacións sociais do municipio.