Os fondos do recadro social da Renda axudan a mellorar as instalacións de COGAMI en Monte Porreiro

Pontevedra
01 de setembro 2022

O 0,7% do IRPF permitiu executar o pintado das instalacións, modificación da luminaria, adquisición de material para fisioterapia e a contratación dun condutor para o servizo de transporte adaptado das persoas pertencentes á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

Centro de recursos de Monte Porreiro de COGAMI
Centro de recursos de Monte Porreiro de COGAMI / COGAMI

Co mes de setembro, as instalacións do centro de recursos de Monte Porreiro que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ofrecen unha nova cara e unha mellora de servizos. Durante as últimas semanas pintáronse todas as paredes e teitos do local situado na rúa Alemaña. 

As obras tamén conlevaron a modificación da iluminación nas salas de atención, recepción, aula de formación e baños

Estas actuacións foron sufragadas cos fondos do 0,7% da Renda (IRPF), de todas as persoas que marcaron o recadro 106 relativo ás "Actividades de interese xeral consideradas de interese social" ao realizar a súa declaración. Este diñeiro para actividades sociais é xestionado despois pola Xunta de Galicia para entregalo aos colectivos que realizan estas actividades.

Tamén se incorporou novo material necesario para o servizo de fisioterapia que se promove neste local e, ademais, contratouse un condutor para continuar co servizo de transporte adaptado que se encarga de trasladar ás persoas usuarias desde as súas casas ata o centro, entre o luns e o venres.

Este centro de COGAMI presta atención a persoas con discapacidade física e axuda a que melloren a súa autonomía persoal e a súa calidade de vida. Ofrece prazas de atención terapéutica concertadas e privadas.

Actualmente, dez persoas traballan para atender ás 17 usuarias que acoden desde Pontevedra, Barro, Poio, Cangas e Moraña a este centro. Neste espazo tamén se desenvolven servizos como o comedor; a educación básica; talleres artesanais e formativos; e actividades de lecer, culturais e deportivas.