Os escaparates énchense de actividades artísticas co proxecto EscaparArte

Pontevedra
26 de abril 2021

Esta actividade terá lugar o sábado 8 de maio de maneira continuada durante toda a xornada. "Os escaparates de 18 establecementos comerciais converteranse en escenarios do sector artístico-cultural", indicou Yoya Blanco

Presentación do proxecto EscaparArte Mónica Patxot

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Yoya Blanco, presentou o proxecto EscaparArte.

Segundo explicou a edil socialista en rolda de prensa, trátase dunha iniciativa que ten un dobre obxectivo, por unha banda trátase de dinamizar diferentes zonas comerciais da cidade, non só a zona monumental, e doutra banda búscase apoiar ao sector cultural, especialmente castigado durante a pandemia.

Esta actividade terá lugar o sábado 8 de maio de maneira continuada durante toda a xornada. 

"Os escaparates de 18 establecementos comerciais converteranse en escenarios do sector artístico-cultural", indicou Yoya Blanco.

"Cantantes, monologuistas, bailarinas e incluso clowns" ocuparán os escaparates destes comercios enchéndoos de música, performances ou literatura ou entre as distintas propostas previstas para todos os públicos.

O proxecto EscaparArte é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que está deseñada pola fotógrafa e asesora de imaxe comercial Patricia Maquieira e a bailarina e coreógrafa Glau Fonseca.

Acompañaron a Yoya Blanco na rolda de prensa a fotógrafa Patricia Maquieira e as responsables dalgunhas das tendas implicadas: Ana Barros, de Peluquería Ana Barros; Laura Pombo, de Pombalia, e Celeste Barros e Joaquín Álvarez, de Marilyn Coquette.

Os comercios que porán os seus escaparates a disposición deste proxecto son La Tienda de Raquel (praza de San José, 2), a perruquería Ana Barros (Riestra, 14), Vintage Village (Santa Clara, 3), Duos Moda (Virxe do Camiño, 1), Baúl de Veva (Fray Juan de Navarrete, 4), Mímate Delicatessen (rúa Real), Marilyn Coquette (Praza da Verdura, 2), Macos Moda Home (Benito Corbal, 16), Agasallo (Praza da Peregrina, 6), Eurekakids (García Camba, 11), Pombalia (Loureiro Crespo, 13), Tendencias Floristería (Loureiro Crespo, 19), Seven (Cruz Gallástegui, 20), Nakasa (Praza de Galicia, 5), Chema Sneakers (Daniel de la Sota, 9), Yamamay (Sagasta, 11), Quomo (Oliva, 12) e Mission Surf Shop (Peregrina, 48).

Maquieira indicou que, dentro do ‘mapa do espectáculo’ deseñado para EscaparArte, contémplanse 18 actuacións en horario de mañá e de tarde, "froito dun casting que permitiu seleccionar a grandes artistas dos eidos da música, a danza, o circo e a interpretación".

Deste xeito, o programa conta coas bailarinas Glau Fonseca e Raquel Martín; os músicos Helena Egea e Miguel Avatar; a actriz, cantante e presentadora Ariadna Santana; o músico e cantante Ricardo Ferreira; a instrumentista Eva Chispita, e os clowns e malabaristas de Asacocirco.

En nome dos comerciantes da cidade, Ana Barros, responsable de Peluquería Ana Barros, asegurou estar "encantada de participar neste proxecto e de ser unha das elixidas para representar a este sector tan afectado pola pandemia", ao tempo que destacou o talento, as cualidades e o espírito emprendedor de todas as persoas implicadas na iniciativa.