O alumnado do CEIP de Lourido fixo gala dos seus amplos coñecementos en reciclaxe e compostaxe doméstica, no transcurso da súa visita ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda.
Este centro, ademais de contar cunha cultura ambiental moi arraigada e especialmente coidada polo equipo docente, tamén participou en varios proxectos de xestión de residuos, como é o caso do programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta, e cuxo obxectivo é levar a recollida selectiva, garantindo ao mesmo tempo a transferencia dos bos hábitos aos fogares.
Equipados con lentes inmersivas 360º, os escolares de 5º e 6º de primaria efectuaron un percorrido virtual polas instalacións que conforman o complexo cercedense, seguindo o camiño polo que discorren os residuos desde que entran na infraestrutura de Sogama ata que son remitidos aos centros recicladores e/ou valorizados enerxeticamente, no caso da fracción non reciclable.
Guiados por educadores ambientais especializados, recibiron as explicacións oportunas sobre o labor de Sogama en Galicia, tipoloxías de refugallos que se atopan baixo a súa xestión (contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto ou non reciclables) e foron quen de superar as distintas probas de coñecemento, destacando o seu alto nivel de participación.
Como colofón á visita, puideron gozar e aprender coas máquinas de xogos Arcade sobre separación de residuos, onde demostraron a súa bagaxe na materia e outras cualidades tales como reflexos, capacidade de superación, empatía, competitividade sa e traballo en equipo.