Os funcionarios municipais de Pontevedra poderían cobrar ata tres veces a extra de decembro

Pontevedra
06 de marzo 2014

De admitir a xuíza a reclamación dos traballadores municipais estes cobrarían tres veces: a paga extra xa cobrada da primeira metade do ano, a paga extra de decembro obxecto deste litixio e o complemento de produtividade compensatorio, pagado en novembro de 2012

O Xulgado do Social número 4 de Pontevedra acolleu este xoves o xuízo pola demanda presentada polos sindicatos Comisións Obreiras, CIG, UGT e CSIF para a restitución da paga extra para o persoal laboral do Concello de Pontevedra.

A vista oral apenas durou quince minutos, tempo abondo para deixar claras as posturas das partes.

Xabier Munáiz Alonso, avogado do Concello de Pontevedra, explicou ante a xuíza que "o Concello non se opón a este recurso, pero tampouco pode adherirse voluntariamente, por moito que comparta a postura defendida polos traballadores".

Neste sentido recordou o recente recurso presentado polo Estado polo plus de produtividade co que se compensou a paga de decembro do 2012. "O Concello está suxeito a normativa estatal, polo que esperamos que sexa o Xulgado o que ditamine", para resolver este asunto.

A única discrepancia entre as partes encontrábase nos días que se reclaman para o cómputo da paga extra

A única discrepancia entre as partes encontrábase nos días que se reclaman para o cómputo da paga extra.

Xabier Munáiz entende que de facerse efectivo o pagamento da parte proporcional da extra de 2012, se correspondería con 44 días, xa que as pagas extra están rateadas e os traballadores municiplaes xa cobraran a primeira metade do ano polo que o Concello asume que o pagamento sería polos dereitos percibidos entre o 1 de xuño e o 14 de xullo, data na que entrou en vigor o Real Decreto 20/2012 que a suprimiu.

Os representantes legais dos sindicatos denunciantes reclaman a totalidade do pagamento, é dicir, dende o 1 de xaneiro.

O xuízo quedou visto para sentenza. De admitir a xuíza a reclamación dos traballadores municipais estes cobrarían tres veces: a paga extra xa cobrada da primeira metade do ano, a paga extra de decembro obxecto deste litixio e o complemento de produtividade compensatorio, pagado en novembro de 2012.

Os sindicatos avalan a súa postura nunha serie de fallos xudiciais ditados en distintos xulgados galegos e españois que sentenciaron neste sentido.

Dende o Concello de Pontevedra, segundo explicou o concelleiro de Personal, Vicente García Legísima, se o xulgado se pronuncia a favor dos intereses dos funcionarios, estenderá o pagamento da extra aos preto de 450 funcionarios municipais.