O Estado recorre a sentenza que avalou a paga de productividade do Concello de Pontevedra

Pontevedra
24 de marzo 2014

Nunha primeira valoración, o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima explicou que "se o recurso primitivo foi político, esté é moito máis político que o anterior"

Juan José Vázquez-Portomeñe, avogado do Estado, entrando no xulgado
Juan José Vázquez-Portomeñe, avogado do Estado, entrando no xulgado / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra recibiu este luns o recurso de apelación presentado polo Avogado do Estado contra o pago da paga de productividade abonada aos traballadores municipais en novembro de 2012.

Nunha primeira valoración, o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima explicou que "se o recurso primitivo foi político, esté é moito máis político que o anterior", tendo en conta que a sentenza de primeira instancia si entra no fondo do asunto ao deixar claro que o Concello pagou a paga de productividade e que deixou apartada no orzamento municipal a contía a fixada para o pago da paga extra de Nadal.

Fronte a esta afirmación, o recurso do Avogado do Estado entende que o xulgado do Contencioso non entra no fondo do asunto.

Será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que resolva este recurso onde se reclama o reintegro das cantidades aboadas aos funcionarios municipais.

CRÍTICAS DE CC.OO.

O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.), a través dun comunicado, expresa o seu malestar con esta decisión por parte do Estado e apunta que "parece que o obxectivo do Goberno do Estado, capitaneado por un Presidente da cidade de Pontevedra, é que os seus conveciños/as e amigos/as empregados/as do Concello, reintegren o complemento de produtividade cobrado, e para iso non contentos coa campaña mediatica efectuada no seu día, pretenden poñer todos os recursos da administacción de Estado para buscar unha vitoria política que unicamente prexudicase a un colectivo de traballadores/as". E neste sentido, engaden que " se esa preocupación que mostra cos nosos salarios, o tivesen en perseguir aos que se 'levan calentito' os fondos das administracciones, tal e como se demostra cos numerosos casos de corrupción abertos en toda a xeografía española, os recortes efectuados aos traballadores/as públicos non serían necesarios".

O sindicato finaliza o escrito amosando o seu apoio ao Goberno local de Pontevedra "na defensa da legalidade do pagamento de produtividade efectuado no ano 2012"