Os hospitais pontevedreses pasaron en dúas semanas de 1 a 15 pacientes con covid-19

Pontevedra
29 de novembro 2021

O último balance reflicte que na área sanitaria hai un total de 456 casos activos de covid-19, dos que os outros 441 permanecen no seu domicilio, 13 ingresados en planta e dúas en UCI. Son 36 máis que o domingo tras detectarse na última xornada 48 novos positivos e darse 12 altas 

Fachada do Hospital Montecelo
Fachada do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A presión asistencial aumenta cada día nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa expansión da covid-19. Este luns hai, segundo o último balance oficial, 15 pacientes ingresados cando hai xusto dúas semanas, o luns 15, tan só había un. 

En concreto, este luns, con datos das seis da tarde do domingo, hai 2 pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 13 ingresados en planta de hospitalización. Son 11 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 2 no Hospital  do Salnés. 

Estas cifras non só implican 14 pacientes máis en 14 días, senón tamén dous máis en tan só unha xornada, pois este domingo había 13. 

Ademais, nas últimas horas sumouse unha nova vítima mortal ao balance máis negativo da pandemia. A morte dun home de 92 anos ingresado en Montecelo eleva a 206 os falecidos co virus na área sanitaria. 

O último balance reflicte que na área sanitaria hai un total de 456 casos activos de covid-19, dos que os outros 441 permanecen en illamento no seu domicilio. 

Os 456 casos deste luns son 36 máis que o domingo tras detectarse na última xornada 48 novos positivos. Déronse 12 altas a pacientes, por iso non soben máis nada que 36. 

Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 21.415 pacientes (12 na última xornada) e realizáronse 316.659 probas  PCR (807 na última xornada).