Os hostaleiros de Poio organizan a primeira Festa de Exaltación da Navalla en Lourido

Poio
03 de outubro 2013

A Asociación de Hostaleiros de Poio organiza a primeira Festa de Exaltación da Navalla en Lourido. "Xa tiñamos a da ameixa a do mexillón e agora tócalle á navalla", chanceou a concelleira de Festas, Marga Caldas, durante a presentación desta iniciativa desenvolvida este xoves no Casal de Ferreirós e coa que colabora o Concello

A Asociación de Hostaleiros de Poio organiza a primeira Festa de Exaltación da Navalla en Lourido.

"Xa tiñamos a da ameixa a do mexillón e agora tócalle á navalla", chanceou a concelleira de Festas, Marga Caldas, durante a presentación desta iniciativa desenvolvida este xoves no Casal de Ferreirós e coa que colabora o Concello.

O obxectivo é dobre, segundo explicou o presidente da Asociación de Hostaleiros de Poio, Manuel Corrales, preténdese enxalzar un produto da nosa terra e tamén dinamizar economicamente a zona de Lourido ao inicio da tempada baixa.

A Festa arrancará o sábado día 5 de outubro. A carpa onde se desenvolverá a degustación estará instalada na Avenida da Praia e abrirá ás 12:00 horas ofrecendo un menú a prezos populares: a porción de navallas á prancha custará 7,50 euros; en empanada 4; en tortilla a 3 euros e a porción de polbo a 7 euros.

O horario de apertura da carpa é o sábado 5 de 12 a 16:30 horas y de 17 a 0:00 horas. E o domingo 6 de 12 a 17:30 horas.

Para o desenvolvemento da festa será necesario cortar ao tráfico a estrada o que obrigará a desviar o tráfico rodado por Espiñeiro.

Supermercados Froiz cede gratuitamente un dos seus aparcadoiros para uso de todos cantos se acheguen á festa "a desfrutar de navallas da zona con cen por cento de garantía".

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, desexou que a climatoloxía sexa favorable para axudar ao éxito da festa e recordou que o goberno local ten importantes proxectos para a zona de Lourido que se resumen en conectar cun paseo peonil dende Pontevedra a Combarro.