Os locais de PontedeTapas levan xa máis de 12.000 tapas e cócteles vendidos

Pontevedra
04 de decembro 2014

A primeira fin de semana pechou cunha cifra próxima ás 8.000 e agárdase un importante tirón final a partir deste venres. En concreto, prevese que a fin de semana da ponte da Constitución e a Inmaculada sexa moi movido en Pontevedra e Turismo agarda que máis de 10.000 persoas visiten a cidade

Tapa servida no concurso gastronómico PontedeTapas Mónica Patxot

Os 45 locais que participan no concurso gastronómico PontedeTapas levan vendidos en torno a 12.000 tapas e cócteles dende o seu inicio o venres 28 de novembro ata este xoves.

Segundo os primeiros datos preliminares aportados pola Concellería de Turismo, a primeira fin de semana pechou cunha cifra próxima ás 8.000 e agárdase un importante tirón final a partir deste venres. En concreto, prevese que a fin de semana da ponte da Constitución e a Inmaculada sexa moi movido en Pontevedra e Turismo agarda que máis de 10.000 persoas visiten a cidade.

A concelleira Carlota Román subliña que a ocupación hoteleira será moi forte para esta fin de semana, na que coinciden o Campionato de España de Taekwondo por clubs e a Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal). Segundo indicou, mesmo hoteis dos municipios máis próximos están a recibir a clientes que non atopan cama en Pontevedra.

Ante estas previsións, Román deu instrucións de reforzar a información sobre PontedeTapas de cara a estes días centrándose nos hoteis da cidade. Carlota Román considera que pode ser un complemento perfecto para encher o tempo de lecer dos visitantes.

Mentres tanto, continúan as actividades de promoción nas redes sociais e na Internet. Dende o martes están a pasar por Pontevedra diversos bloggers e cociñeiros, que son os encargados de ir puntuando as distintas tapas e cócteles. Ao tempo, soben novas e comentarios á rede, retroalimentado PontedeTapas por toda Galicia.

Nesta sétima edición do concurso os 45 locais de hostalería participan nas categorías de tapa tradicional, tapa creativa e cóctel. Os prezos, como vén sucedendo case dende o principio, son os mesmos: 1,50 euros para as tapas e 2,50 euros para os cócteles.