Os lombos e a zona 30 chegarán a Cuntis a partir do mércores

Umia
10 de xullo 2017

Os traballos consisten na instalación dunha ‘zona 30’ e sete lombos redutores de velocidade nas inmediacións da escola unitaria da Gándara en Cuntis e teñen un orzamento de 16.742, 42 euros

Zona de velocidade 30 en Pontevedra
Zona de velocidade 30 en Pontevedra / PontevedraViva

As obras de calmado do tráfico que a Deputación de Pontevedra está a realizar por estradas de toda a provincia chegarán a partir deste mércores a Cuntis. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou que será o día que comecen as obras na intersección entre as estradas EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e EP-8403 entre Cuntis- Alto da Cruz.

Os traballos consisten na instalación dunha 'zona 30' e sete lombos redutores de velocidade nas inmediacións da escola unitaria da Gándara en Cuntis e teñen un orzamento de 16.742,42 euros, segundo anunciou a Deputación a través dun comunicado. 

A Deputación xa anunciara a actuación o pasado mes de marzo despois de comprobar in situ que os coches circulaban a moita velocidade nesta zona na que hai un centro escolar nas inmediacións. Adxudicáronllas á empresa API Movilidad e teñen un prazo de execución previsto dun mes.

Esta actuación enmárcase dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que pretende mellorar a seguranza viaria en todas as estradas da rede provincial utilizando elementos físicos de redución da velocidade para obrigar aos condutores a frear de xeito efectivo.