Luns 22 de febreiro. Esa é a data finalmente fixada polo Servizo Galego de Saúde para empezar a vacinar fronte á covid-19 á poboación de máis de 80 anos. Os detalles técnicos de como se vai realizar a vacinación aínda non se deron a coñecer, pero si que todas as persoas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés maiores desa idade empezarán a ser inmunizadas.
O anuncio realizouno este xoves o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, que fixo un balance da campaña de vacinación fronte á covid-19 e deu a coñecer que ata o momento en Pontevedra e O Salnés xa están totalmente inmunizadas coas dúas doses da vacina un total de 4.386 persoas.
Así, xa recibiron a vacinación completa 1.260 profesionais e residentes de ámbito sociosanitario, isto é, vencellados a residencias, e 3.126 traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, desde este mércores 10 de febreiro retomouse a vacinación ao resto de profesionais sanitarios e xa recibiron a primeira dose outros 430 profesionais. Entre este xoves 11 e o día 15 recibirán a primeira dose outros 1.600 traballadores.
En total, a previsión da xerencia é que entre o 10 e o 15 de febreiro queden vacinados coa primeira dose 2.030 profesionais vencellados ao Servizo Galego de Saúde.
Este venres 12 de febreiro, ademais, iniciarase a vacinación de traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O resto das persoas vacinadas ata o momento recibiron a vacina de Pfizer, pero estas persoas será inmunizadas coa de AstraZeneca.
A previsión da xerencia é que nun só día, na mañá do venres, reciban a vacina xa todos os profesionais do SAF da área sanitaria.
O seguinte grupo en vacinarse será o de traballadores que non están vencellados co Sergas, pero que si traballan en centros sanitarios, en especial, nos hospitais. Estes profesionais recibirán a súa dose entre os días 16 e 21.