Os máis pequenos dun edificio de Valdecorvos pintan un mural para dar as grazas a unha veciña sanitaria

Pontevedra
04 de maio 2020

Os pequenos decoraron a entrada do edificio para homenaxear a unha veciña que traballa no Hospital Montecelo polo seu labor despois de conseguir baleirar a UCI de pacientes con  Covid-19

A traballadora de Montecelo Susi posa emocionada diante dos debuxos feitos polos seus veciños para agradecer o seu traballo PontevedraViva

A Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo quedou por primeira vez libre de pacientes con coronavirus desde o estalido da pandemia, unha situación que aproveitaron os veciños máis pequenos do edificio Coki, situado na rúa Ramón Cabanillas do barrio pontevedrés de Valdecorvos, para render unha emotiva homenaxe a Susi, traballadora do hospital Montecelo.

Santi, Alba, Gloria, Dani, Alba e os irmáns Antía e Yago, son os nomes dos sete pequenos que quixeron sorprender á súa heroica veciña cunha serie de debuxos que colocaron na entrada do edificio.

Cando Susi saía cara ao seu traballo, atopouse con este emocionante mural. A sanitaria foi incapaz de conter as bágoas mentres daba as grazas aos pequenos por un detalle que non poderá esquecer nunca.