Os máis pequenos tamén fan compostaxe

Pontevedra
16 de marzo 2018

Os alumnos dos centros infantís de A Parda e Monte Porreiro aprenderon xogando sobre a importancia da compostaxe. 

Os nenos da Parda aprenden sobre compostaxe
Os nenos da Parda aprenden sobre compostaxe / Mónica Patxot

O alumnado das Escolas Infantís da Parda e Monte Porreiro aprenderon durante a xornada deste venres en que consiste a compostaxe. Os monitores visitaron os centros pola mañá e pola tarde, ensinándolles aos nenos a importancia de aproveitar os residuos orgánicos en beneficio das plantas.

Un grupo de 15 escolares de infantil reuníronse esta tarde xunto cos seus pais no centro da Parda para coñecer da man de dous personaxes de gomaespuma (unha caracola e unha flor) a forma na que os residuos se converten en nutrintes, e compoñen a "terra máxica" que fai medrar as plantas máis sas e fortes.

O taller ao que asistiu a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, como convidada de honra, ten a intención de concienciar a profesores, pais e escolares do valor da xestión ecolóxica e sostible dos residuos. Pero non só os máis pequenos terán a oportunidade de coñecer os beneficios do compost, tamén se impartirán talleres noutros centros de Educación Primaria e Secundaria da provincia.

A actividade do 'Plan Revitaliza', organizada pola Deputación e polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), entreteu a pais e pequenos grazas aos bailes, contacontos e obradoiros deseñados específicamente para eles.