Os medios de comunicación son un importante servizo público que resulta de especial utilidade en momentos de crise como a actual pandemia do coronavirus, pero tamén son empresas -agás os de titularidade pública- que están a padecer os efectos da crise socioeconómica como outros moitos sectores. Con esta premisa celebrouse este xoves a mesa sectorial de medios organizada pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Yoya Blanco, presidiu a xuntanza e, ao seu remate, quixo "trasladar a toda cidadanía que os medios de comunicación son importantes, básicos" e que "non só foron vitais durante a crise, senón que o van seguir sendo".
Os participantes nesta mesa de traballo aproveitaron para reclamar a necesidade de contar cunha delegación propia da CRTVG en Pontevedra, coa reapertura do servizo pechado pola compañía hai preto de dez anos, en decembro de 2010. A proposta recibiu o apoio de Yoya Blanco.
Foi, en palabras da concelleira, unha mesa "moi activa, con moitas propostas e reivindicacións" e pronto terá xa un resultado visible, pois Yoya Blanco anunciou que empeza a traballar na idea de promover unha exposición sobre a ollada dos fotógrafos que exercen nos medios de comunicación da cidade.
A mesa sectorial, celebrada mediante videoconferencia, serviu para reivindicar a importancia do xornalismo local, en especial nun momento no que os medios de comunicación están a ser moi cuestionados e no que, durante os días máis duros da pandemia, exerceu un papel fundamental como "ollos da xente" que se atopaba confinada sobre que pasaba no exterior, na súa cidade. "A importancia dos medios no Covid hai que reivindicala e seguir apostando polos medios locais", insistiu Yoya Blanco.
Os participantes puxeron sobre a mesa a necesidade de impulsar unha liña de axudas que incentiven a aposta de pemes e pequenos comercios polos medios de comunicación a través de publicidade ou campañas.
Yoya Blanco cre que foi unha "mesa positiva de traballo e activa". Nela propúxose, por exemplo, a necesidade de crear unha plataforma para que os medios sexan coñecidos polo resto da cidadanía, similar ás que se poñen en marcha para visibilizar outros sectores económicos e produtivos.
Ademais, propúxose a creación dunha Axenda Cultural (que se podería materializar dentro da plataforma online de comercio e turismo que a Concellería está a deseñar) e incidiuse na importancia do fomento do uso da lingua galega na información.
Na mesa participaron os xornalistas Natalia Puga, de PontevedraViva; Susana Pedreira, de Onda Cero; María Varela, de Diario de Pontevedra; Ramón Mella, de Radio Pontevedra; Bibiana Villaverde, de Radio Voz; Serxio Barral, de La Voz de Galicia; Pablo Romero, de Cadena Cope; Ana Viqueira, de Nós TV; Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial; Alberto Traversa, de La Alacena Roja, e Eugenio Giráldez. Este último foi o único que traballa por conta propia, exercendo a profesión o resto asociados a determinadas empresas.