Os menores de Cerdedo-Cotobade contarán con máscaras de protección a partir do martes

Cerdedo Cotobade
24 de abril 2020

Protección Civil repartirá 431 materiais de protección para cativos e o Concello difunde un protocolo de seguridade para os paseos infantís, que se poderán realizar a partir deste domingo 26

Carpa de Protección Civil para a entrega de máscaras protectoras a menores
Carpa de Protección Civil para a entrega de máscaras protectoras a menores / Concello de Cerdedo-Cotobade

A partir deste domingo, os menores de 14 anos poderán saír á rúa cunha serie de condicións e o Concello de Cerdedo-Cotobade está a prepararse para atender as necesidades para esta nova fase no estado de alarma. 

Iniciou un proceso de difusión dun protocolo informativo de seguridade para que os paseos dos menores conten cun menor risco de contaxio do Covid-19 e ademais, o alcalde Jorge Cubela anunciou que a partir do martes realizaranse entregas gratuítas de máscaras protectoras infantís con medidas específicas para que se adapten ás súas caras.

Efectivos de Protección Civil comezarán a partir do día 28, unha vez completada a recepción das 431 pezas, a repartir estes elementos protectores. Este material procede da empresa Corio Bona, que tamén facilitou ao Concello outras 300 máscaras protectoras para adultos de maneira gratuíta.

Instalaranse puntos para a recollida destes sistemas de protección cunha carpa itinerante que se desprazará polas parroquias máis poboadas do municipio e por puntos nos que se rexistra máis tránsito. 

No caso de que algunha familia non poida desprazarse, poñerase en marcha un sistema de entrega a domicilio para casos concretos. O Concello e Protección Civil coordinaron este servizo coa Garda Civil para que se autorice aos escolares e aos seus familiares a que se despracen aos puntos de recollida, onde recibirán ademais un diploma de agradecemento pola súa responsabilidade durante o confinamento.

O Concello entregará tamén material informativo co protocolo de seguridade para este paseo de menores, no que se lembra que teñen que saír acompañados por un adulto, preferentemente con máscara e mantendo distancia de polo menos dous metros con outras persoas. Non se poderá acudir a parques ou zonas de xogo e advírtese da necesidade de manter a limpeza extrema das mans.