O Concello de Poio modificará a ordenanza fiscal reguladora do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos de tal maneira que todos aqueles negocios e autónomos que acrediten o peche total dos seus establecementos polo decreto do estado de alarma non terán que pagar a taxa correspondente.
Trátase dunha proposta con carácter excepcional que servirá para aplicar bonificacións do 100% desta taxa a aquelas persoas e empresas que realizan actividades que desde o 14 de marzo foron consideradas non esenciais e, polo tanto, non tiveron actividade durante o estado de alarma. A bonificación será polo importe equivalente ao tempo que se mantivese o citado peche, prorrateándose aos efectos oportunos.
Esta é unha das medidas que o goberno local de Poio aprobará o vindeiro xoves nunha Comisión de Facenda de carácter extraordinario convocada para poder axilizar a tramitación de medidas que buscan frear o impacto social e económico da crise sanitaria provocada pola expansión da Covid-19.
A medida busca axudar, na medida do posible, á liquidez dos contribuíntes "e protexer a terceiros que se poidan ver, dende o punto de vista económico, afectados por este novo contexto".
O documento establece que o peche do establecemento en cuestión deberá acreditarse mediante resolución do servizo de Emprego e Economía Social da Consellería de Emprego e Industria, a través da cal se aproban os expedientes de regulación e emprego para a suspensión ou redución de contratos laborais por forza de causa maior como consecuencia da Covid-19.
Tamén existe a posibilidade de presentar un informe de vida laboral, no que terá que constar o cese de actividade, en caso de autónomos.