Os nenos da Escola Infantil do Campus acudiron este venres 12 de rigoroso loito ao centro onde celebraron un festivo velorio ao Loro Ravachol, no que se degustaron pratos como filloas e orellas elaboradas polos pais e nais. Remataba así unha semana chea de disfraces e sorpresas para os máis pequenos.
"A semana anterior xa fomos organizando diferentes actividades e esta centrámonos no entroido", salienta Ángeles Rodríguez, directora da Escola Infantil do campus. "Durante toda a semana os nenos e nenas foron decorando o loro engadíndolle distintos elementos, como plumas ou papeis de cores", engadiu.
O centro busca que con estas actividades os nenos coñezan as tradicións asociadas a estas festas, así como aos personaxes máis populares. A semana de actividades comezou o pasado luns cunha festa onde os nenos viñan disfrazados de casa, o martes estrearon os disfraces feitos en clase cos seus compañeiros e profesores.