Os nenos de Marín ademais de dar un paseo poderán recibir un diploma o vindeiro domingo

Marín
24 de abril 2020

Serán os axentes da Policía Local quen lles faga entrega destes diplomas cos que o  Concello quere recoñecer o seu comportamento durante o confinamento

Diploma como o que recibirán os menores de Marín no seu paseo dominical
Diploma como o que recibirán os menores de Marín no seu paseo dominical

Este próximo domingo, data en que as medidas do Goberno central autorizan durante o período do estado de alarma a que os menores ata 14 anos de idade poidan saír a dar un paseo, os nenos de Marín poderanse levar outra alegría engadida.

O Concello sinala que os máis pequenos están a demostrar a súa capacidade para resistir metidos en casa e para practicar as medidas de prevención que se fixeron necesarias para facer fronte ao coronavirus; a pesar de que para moitos deles non é sinxelo comprender a situación que se vive desde mediados do pasado marzo.

Por este motivo, o Concello de Marín quere premiar a responsabilidade que están a demostrar facéndolles entrega dun diploma acreditativo da súa loita contra a pandemia. Serán os axentes da Policía Local que estean a realizar as súas funcións de control e vixilancia os encargados de entregalos.

Desde a Policía Local agradecen a súa colaboración, trasládanlles ánimos para afrontar as novas etapas que irán chegando e tamén lles fai unha advertencia para recibir os seus diplomas: "teñen que cumprir con todas as medidas asociadas aos paseos" que poderán comezar a dar este próximo domingo e que os adultos deberán coñecer igualmente.