Os novos guardiamarinas da Escola Naval Militar son recibidos no Concello de Marín

Marín
26 de agosto 2023

A alcaldesa, María Ramallo, mostroulles o "acollemento" da vila e animoulles a desfrutar cada segundo dos seus anos de formación

Os novos guardiamarinas da Escola Naval Militar son recibidos no Concello de Marín
Os novos guardiamarinas da Escola Naval Militar son recibidos no Concello de Marín / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, recibiu este venres no Salón de Plenos do Concello á nova promoción de novo alumnado que inicia este setembro a súa traxectoria académica, para converterse nos futuros oficiais e enxeñeiros da Armada.

En total, son 110 rapaces que xa fixeron, tal e como destacou a rexedora, "un gran esforzo para chegar até aquí, xa que tivestes que superar unha nota de corte moi elevada, o que supón unha implicación coas vosas obligacións académicas admirables". "Estes días", dirixiuse Ramallo aos estudantes, "son moi intensos, de moitos cambios e de poder poñer ese primeiro pé na vosa nova vida, que xa cambiou para sempre".

Ademais, este ano é especial para os lazos de Marín coa Escola Naval, xa que se cumpren 80 anos desde que o centro castrense está na vila. "Hoxe é como a nosa Universidade, o noso campus que nos sitúa no mapa e que para vós será un lugar ao que seguro sempre volveredes para lembrar esta época tan bonita e especial da vosa formación", explicou a alcaldesa.

Ramallo tamén quixo ter unhas palabras de recoñecemento "a todas as mulleres que formades parte desta promoción", porque "aínda que cada vez sodes máis, aínda queda camiño por percorrer".

O acto rematou coa tradicional foto de familia nas escaleiras de entrada ao edificio consistorial.