O Museo de Pontevedra comeza esta semana cos obradoiros "Art Lab: Creamos... de Fábula", cos que busca achegar aos máis pequenos da casa á exposición "A era das fábulas", unha colección de cadros que vincula as coleccións de arte da Fundación María José Jove e do Thyssen-Bornemisza Art Contemporary cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra.
En concreto, os talleres terán lugar esta semana, do 5 ao 8 de agosto, e a vindeira, do 12 ao 15, de 11:30 a 13:00 horas, e as 15 prazas por obradoiro están xa esgotadas para as dúas datas.
Coa inspiración da exposición "A era das fábulas", Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que os nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outros artistas presentes na mostra. Desta maneira, os cativos poderán descubrir as historias e lendas que se agochan detrás das súas obras.
Os talleres do Museo continuarán no mes de agosto coa proposta "Historias e Creación de Mosaicos" que, coas prazas tamén esgotadas, terá lugar do 20 ao 23 de agosto e do 27 ao 30, e propón á rapazada aprender sobre a historia dos mosaicos e crear a súa propia obra partindo do mosaico coa representación de Baco presente na exposición "A era das fábulas".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.