‘A era das fábulas' sae á rúa e convida á cidadanía a crear as súas versións de Kandinsky, Manolo Moldes e Inês Zenha

Pontevedra
28 de agosto 2024

Este venres 30 de agosto, entre as 11:00 e as 13:00 horas, as persoas que se acheguen á praza da Peregrina de Pontevedra poderán establecer un diálogo creativo con obras de Vasili Kandinky, Manuel Moldes e Inês Zenha presentes na exposición do Museo de Pontevedra

Actividade arredor da exposición 'A era das fábulas'
Actividade arredor da exposición 'A era das fábulas' / Museo de Pontevedra

A exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, que xunta as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, sairá á rúa este venres 30 de agosto.

Entre as 11:00 e as 13:00 horas, as persoas que se acheguen á praza da Peregrina de Pontevedra poderán establecer un diálogo creativo con obras de Vasili Kandinky, Manuel Moldes e Inês Zenha presentes na exposición do Museo de Pontevedra.

Disporán de lenzos con diferentes materiais de traballo (pinturas ao óleo, pasteis, rotuladores...) e a premisa de completar obras xa iniciadas, imaxinar novas cores para os cadros ou ben reproducilos libremente. As obras das que partirán as persoas participantes son ‘Home na terra’ (1987-1988), de Manuel Moldes; ‘Rampant’ (1934), de Vasili Kandinsky; e unha das pezas que forman o políptico ‘Entanglements I-VI (2003), de Inês Zenha.  

Segundo a información facilitada pola Deputación Provincial, trátase dunha actividade aberta a persoas de calquera idade para a que non é necesaria a inscrición previa. 

Será a segunda vez que os lenzos saian á rúa para convidar a interactuar artisticamente coas obras desta exposición. O pasado 24 de xullo realizouse unha primeira experiencia na praza de Curros Enríquez.

Ata o 26 de setembro o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 horas, unha visita guiada á exposición. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa.

Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a [email protected].

O 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.