O Museo retoma os obradoiros en familia sobre a exposición 'A era das fábulas'

Pontevedra
02 de setembro 2024

As actividades están dirixidas ao público infantil a partir de 6 anos acompañados dunha persoa adulta

Obradoiros familiares de 'A era das fábulas'
Obradoiros familiares de 'A era das fábulas' / Museo de Pontevedra

Dentro das actividades complementarias á exposición 'A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía', o Museo de Pontevedra programou unha serie de obradoiros en familia, que se desenvolveron en xullo e agora volven nos próximos sábados 14, 21 e 28 de setembro. 

Están dirixidos ao público infantil a partir de 6 anos, en compañía dunha persoa adulta. 

A inscrición pódese facer a partir do martes 3 de setembro a través de Whatsapp, no número 617340323. 

Os obradoiros celebraranse de 11:30 a 13:00 horas, no Edificio Castelao. Cada un deles está vinculado a un acto da exposición 'A era das fábulas'. Serán impartidos por Ana Barreiro e África Martínez, de Taller Abierto. 

Seguindo o concepto expositivo que vincula o ancestral co contemporáneo a través da fábula ou o mito, realizaranse unha serie de actividades plásticas que axuden a entender a arte ao longo da historia como reflexo do tempo no que foi creada e de entender como nos serve para reflexionar sobre temas contemporáneos.

OUTRAS ACTIVIDADES

Ata o 26 de setembro, o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 horas, unha visita guiada á exposición 'A era das fábulas'. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a [email protected]

Finalmente, o 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados nesta mostra: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.