Os obradoiros para escolares sobre prevención de condutas aditivas incorporan a educación emocional e resolución de conflitos

Pontevedra
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O uso indebido das TIC, o consumo de alcol e substancias ilegais ou a educación afectivo-sexual son outros temas abordados no programa

Concurso de prevención de condutas aditivas
Concurso de prevención de condutas aditivas / Mónica Patxot

Máis de 4.000 escolares participan nos talleres de educación para a saúde e prevención de condutas aditivas, que organiza o Concello de Pontevedra en colaboración coa Consellería de Sanidade. 

O programa pon o foco, nesta ocasión, na educación emocional e no bo uso das TIC, aínda que sen deixar de lado outras temáticas habituais como o consumo de alcol, o consumo de substancias ilegais, a adición ao móbil ou a educación afectivo-sexual.

A incorporación da educación emocional e resolución de conflitos aos talleres con entidade propia é unha petición dos centros educativos que detectan entre o alumnado problemas de autoestima, de incapacidade para explicar como senten ou para afrontar os retos da adolescencia. Sinalan os centros educativos que "está é unha situación agravada por un uso indebido das TIC, que acrecenta inseguridades nunha etapa vital de formación e procura de referentes e que poden converterse en instrumento de acoso, malos tratos e xerar comportamentos a-sociais ou disruptivos".

Os talleres de prevención de condutas adictivas realízanse entre os meses de xaneiro e xuño, e van dirixidos ao alumnado de quinto e sexto curso de Primaria, de primeiro a cuarto curso de ESO e FP. Están impartidos por un equipo de carácter multidisciplinar (traballadora social, educadora social, psicóloga...) que adapta os contidos e dinámicas das sesións á idade do alumnado receptor. 

Neste curso académico 2023-2024 participan un total de 29 centros educativos: 14 colexios e 10 institutos públicos e 5 centros privados que imparten ao tempo Primaria e Secundaria.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, sinalou que "esta é a poboación diana porque se queremos previr futuras condutas que poidan ser preocupantes, hai que actuar desde a base, tanto na educación Secundaria como Primaria". 

"O importante é darlle ao alumnado unha formación e información veraz que lles axude a elixir o camiño polo que van a transitar os vindeiros anos da vida" engade a concelleira.

OS OBRADOIROS

Nos centros de Primaria impártense dúas sesións de 100 minutos cada unha por aula. Nelas abórdanse os seguintes temas: Habilidades sociais, comunicación e resolución de conflitos; Intelixencia emocional. Auto-concepto e auto-estima; Relacións grupais e presión de grupo (uso das TIC) e Afectividade.

Para os estudantes de Secundaria os obradoiros articúlanse en seis sesións de 50 minutos, coincidentes con horas de titoría. As temáticas abordadas son: Auto-estima e construción de identidade, Adicións sen substancia: TIC, redes sociais, videoxogos, xogos en liña..., Os perigos da internet, Consumo de substancias adictivas (alcol, cannabis, marihuana...), sexualidade, xénero e diversidade; Educación emocional: ferramentas para facer fronte aos retos da adolescencia.