Os Orzamentos 2022 dan un paso máis e o venres superarán o seu último trámite

Pontevedra
03 de xaneiro 2022

A Xunta de Goberno Local xa os aprobara o pasado 27 de decembro e este luns fixo o mesmo a Comisión de Economía e Facenda. Xusto este mesmo día, o PP debullou a emenda á totalidade que presentou o pasado xoves e o Goberno local criticou o seu contido

Comisión de Economía e Facenda no Concello de Pontevedra | ARQUIVO
Comisión de Economía e Facenda no Concello de Pontevedra | ARQUIVO / Mónica Patxot

O proxecto de Orzamentos Municipais de 2022 deu este luns un paso adiante máis e tan só están pendentes dun último trámite, a súa aprobación no Pleno da Corporación do venres 7 de xaneiro. 

A Xunta de Goberno Local xa os aprobara o pasado 27 de decembro e este luns fixo o mesmo a Comisión de Economía e Facenda. Xusto este mesmo día, o PP debullou a emenda á totalidade que presentou o pasado xoves e o Goberno local criticou o seu contido

O Goberno local destaca que son os orzamentos máis altos da historia de Pontevedra. Ascenden a 85.903.000 euros, o que supón un incremento de 5 millóns de euros, é dicir, un 6,4 % máis que o orzamento do ano pasado.

Destacan tamén que son unhas contas expansivas que se basean na aposta pola mellora dos servizos públicos e no incremento da partida de investimentos.