Os Palleiros pide axuda ao Concello para acabar coas filtracións de auga nas súas instalacións

Pontevedra
28 de setembro 2020

A protectora de animais asegura ademais que a súa situación é delicada ante o descenso dos ingresos que lle reportaban cada ano os mercadillos solidarios ou a súa tradicional cea benéfica. As obras máis urxentes comprometidas nas instalacións ascenderán a ao redor de 16.000 euros

Tino Fernández e Marcos Rey visitan o refuxio de animais dos Palleiros
Tino Fernández e Marcos Rey visitan o refuxio de animais dos Palleiros / PontevedraViva - Arquivo

A pandemia colocou nunha situación complicada a canceira municipal que xestiona Os Palleiros na parroquia pontevedresa de Campañó.

"Paráronse as adopcións no momento máis álxido da Covid, por unha cuestión de seguridade, polo que minguaron evidentemente as adopcións, pero non pasou o mesmo cos abandonos, xa que segue habendo un número moi elevado", explica a vicepresidenta da asociación, Elisabeth Suárez.

Todo isto sucede "con moitos menos ingresos", ao ter que suspender mercadillos solidarios ou a tradicional cea benéfica coa que buscaban financiamento.

"O ingreso de cans por abandono segue sendo o mesmo e xeran os mesmos gastos, só que nós non temos a mesma achega de diñeiro", explicou aproveitando a visita ás instalacións da protectora do tenente do alcalde, Tino Fernández e do recentemente estreado concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey.

Os edís visitaron o centro que xestiona Os Palleiros para explicar o investimento de "entre 16.000 e 18.000 euros", sinalou Rey, previsto para renovar a cuberta das instalacións e acabar así coas filtracións de auga que se producen.

Ademais do arranxo do tellado, as responsables da protectora informaron os representantes do goberno local dos problemas que está a xerar actualmente a presenza de ratas desde as leiras anexas, que están sen limpar.

Por último Os Palleiros e o Concello emprazáronse a unha próxima reunión para tratar diversos asuntos, entre os que se atopa a renovación do convenio de colaboración coa entidade para a xestión de recollida e refuxio de animais abandonados.