Os participantes na ludoteca de verán da Lama aprenden os segredos da compostaxe

A Lama
30 de xullo 2021

A través do contacontos  "O xiravai de ecocol" as nenas e nenas que gozan do Plan Concilia introdúcense no mundo da compostaxe nunha campaña que ten como obxectivo incentivar unha mellor xestión dos residuos orgánicos 

Contacontos na ludoteca da Lama sobre compostaxe
Contacontos na ludoteca da Lama sobre compostaxe / Concello de A Lama

A cativada que participa na ludoteca de verán de “Concilia A Lama” deste ano tiveron a oportunidade de introducirse no mundo da compostaxe a través da posta en escena do contacontos “O Xiravai de Ecocol” dentro do proxecto didáctivo e divulgativo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Mediante un contacontos, os nenos foron aprendendo as vantaxes da compostaxe dun xeito moi didáctico e sinxelo a través da intervención dunha monologuista que ía introducindo o tema a través de historias e personaxes que ían ilustrando os contos que escoitaban os pequenos.

O concelleiro responsable da implantación do proxecto de compostaxe no concello da Lama, Daniel Vidal, salientou a importancia do traballo divulgativo, sobre todo entre os cativos “porque moitas veces son eles os que tiran dos pais e dos avós nas casas para que separen e reciclen e tamén para que inicien a compostaxe. Polo tanto a implicación de todos, desde pequenos, nunha educación medioambiental saudabre e sostible é fundamental”, indicou o edil.

Asemade, o concelleiro lembrou á veciñanza que “todavía quedan 10 ou 12 composteiros individuais á disposición de quen queira unirse a este proxecto colectivo xa que estamos en condicións de facilitarlle todo o necesario, incluída unha pequena formación así como asesoramento en todo momento, a través de expertos composteiros, que acompañan ao usuario durante todo o proceso”.

Daniel Vidal recordou que o plan de implantación da compostaxe na Lama conta co reparto de 200 composteiros individuais e 3 comunitarios por todo o municipio. Explicou tamén que para levar adiante este proxecto de maneira eficiente repartíronse carteis e folletos informativos así como un vídeo para compartir en redes sociais explicando o modo de inscribirse e participar neste plan de compostaxe e tamén de como deben actuar os beneficiarios dos composteiros.

Para conseguir algún dos 10 ou 12 composteiros individuais que quedan deberán dirixirse ás oficinas municipais ou chamar ao teléfono 986 76 82 38 e alí aportar o seu DNI e referencia catastral da vivenda onde se vai instalar o composteiro. A entrega dos composteiros farase por rigorosa orde de solicitude