Os policías locais de Sanxenxo poñerán multas "a toda máquina"

Sanxenxo
10 de abril 2017

A Policía Local informatiza con axendas electrónicas as denuncias de tráfico. Os terminais móbiles están conectados coa base de datos da DXT e permiten facer fotografías

A Policía Local informatiza con axendas electrónicas as denuncias de tráfico
A Policía Local informatiza con axendas electrónicas as denuncias de tráfico / Concello de Sanxenxo

A Policía Local de Sanxenxo conta desde hai uns días como un novo sistema que permite a informatización das denuncias de tráfico. Cada axente dispón dunha axenda electrónica que permite o inicio inmediato da tramitación da denuncia a través de internet.

Os terminais móbiles estarán conectados coa base de datos da Dirección Xeral de Tráfico, o que permitirá que os datos do propietario do vehículo se carguen automaticamente, á vez que se coñecerá se o vehículo dispón de seguro e ITV en vigor. Unha mini-impresora portátil facilitará entregar unha copia da denuncia ao condutor.

O terminal permite tamén tomar fotografías, que se achegan ao expediente sancionador como proba da infracción cometida, no caso de que o denunciado presente alegacións.

Esta informatización situará á Policía Local de Sanxenxo ao nivel tecnolóxico doutros corpos policiais da provincia, como Pontevedra ou Vigo no relativo á axilidade e exactitude, evitando erros na transmisión de datos e na tramitación das denuncias, porque estas iniciaranse en liña e no acto.

O sistema, que leva en fase de probas desde hai unha semana, tanto da aplicación informática como dos equipos e a formación dos funcionarios, espérase que se atope plenamente operativo durante a Semana Santa.

Preténdese que para o verán, poida chegar a dispoñerse de aplicacións específicas para tramitar as denuncias por infraccións ás diversas ordenanzas municipais, no relativo ao medio ambiente, botellón, ruídos, horarios de peche e ocupacións de vía pública, entre outras.