Os policías reclaman máis medios para loitar contra o preocupante aumento da ciberdelincuencia

Pontevedra
02 de xuño 2021

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) alerta de que "algúns particulares non denuncian por vergoña" ou pola pequena contía da estafa e "algunhas empresas tampouco o fan por temor a ver afectada a súa reputación"  

Sandra Fernández, Roberto González e Arán Feijoo
Sandra Fernández, Roberto González e Arán Feijoo / PontevedraViva

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) alertou do notable incremento dos delitos informáticos polo que reivindica máis medios e persoal para a súa prevención e investigación desta ciberdelincuencia. 

Nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, o secretario xeral do SUP en Galicia, Roberto González e a secretaria provincial do SUP, Sandra Fernández explicaron que, a día de hoxe, os delitos máis denunciados en calquera comisaría de Policía Nacional de Galicia son aqueles relacionados coa internet, constatando un notable incremento de ata un 20% destes feitos durante os cinco primeiros meses deste ano 2021.

Neste período, nas oficinas de atención á cidadanía onde presta servizo a Policía Nacional recolléronse 6.000 denuncias (2.500 na provincia da Coruña, 2.200 na de Pontevedra, 700 en Lugo e 600 en Ourense).

Roberto González indicou que a pandemia limitou o contacto social, incrementando o uso da internet, tanto nas relacións laborais como nas persoais, de lecer e tempo libre e "nese escenario o incremento dos delitos informáticos foi exponencial".

A pesar diso, "algúns particulares non denuncian por vergoña" ou pola pequena contía da estafa e "algunhas empresas tampouco o fan por temor a ver afectada a súa reputación". Ademais "as entidades bancarias poñen moitas trabas á hora de solicitar datos para investigar estes delitos", indicou Roberto González.

Segundo explicou o secretario xeral do SUP en Galicia, no que se refire aos delitos telemáticos hai que falar principalmente do phishing, é dicir, un correo malicioso que altera o dominio e que engana ao usuario utilizando unha imaxe e unha URL falsa para suplantar a identidade. O máis habitual nos últimos meses é o que se fai pasar por empresas de transportes ou por entidades bancarias. No primeiro caso, piden o pago adiantado para recibir un paquete e no segundo solicitan datos persoais dunha tarxeta ou conta para desbloquear a actividade das mesma. 

SECUESTRO DO WHATSAPP

Os expertos na materia advirten de tres modalidades delituosas a través de internet que se están observando estas semanas e que son as relacionadas coa devolución dos ERTES, a campaña da RENDA e recentemente os secuestros da aplicación WhatsApp usando unha mensaxe dun contacto coñecido.

O SUP insiste en demandar ao Ministerio de Interior a "creación e potenciación de grupos de delitos tecnolóxicos en todas as comisarías, con especialización, formación e medios, tanto materiais, como persoais". 

Roberto García advertiu de que neste campo, que avanza tan rápido, a Policía necesita actualización constante dos seus coñecementos e dos medios, xa que se está rexistrando un aumento de ataques cada vez máis complexos con crecente profesionalidade da cibercriminalidade. A miúdo, por mor da sofisticación do software malicioso, non é posible aplicar accións de defensa ou buscar as orixes dos ataques "co que aumenta a impunidade".

É por iso que o SUP considera que as forzas e corpos de seguridade do Estado, así como os membros da xudicatura e a fiscalía, necesitan ter, unha comprensión xeral das orixes, métodos e consecuencias deste novo tipo de delincuencia, fortalecendo a prevención e a investigación desta tipoloxía.

Conscientes desta necesidade o SUP Galicia colabora con Ara Formación na organización dun curso avalado pola Academia Galega de Seguridade Pública e dirixido de forma específica aos integrantes das forzas e corpos de seguridade. Segundo comentou o responsable deste curso, Arán Feijoo, o seu inicio está previsto para o 14 de xuño, en modalidade de teleformación, con apoio de aula virtual e conta con expertos docentes en diferentes campos.